→Evanxélica memoria (triloxía)

A triloxía

A triloxía Evanxélica Memoria representa un percorrido de seis décadas pola historia española que inclúe a Guerra Civil e o longo período da dictadura franquista. O autor, mediante unha vontade historicista e documental palpable en novelas anteriores, nesta ocasión aborda unha temática descoñecida pola maioría lectora: a dos evanxélicos e os seus avatares como “pobo adquirido”. E faino desde un punto de vista novidoso: o da disidencia que xunta eses protestantes con todos os “rojos” perseguidos polo nacional-catolicismo.

Entre fronteiras, primeira parte da triloxía, arrinca no reinado de Alfonso XIII, antes da ditadura de Primo de Rivera; atravesa a ritmo rápido o período de liberdades ideolóxicas da II República (incluídas predicacións de pastores británicos) e detense especialmente no desenvolvemento da Guerra Civil, que relata un mozo evanxélico abocado a combater co “bando nacional” sendo republicano. Da brutalidade das batallas -entre elas a do Ebro, arrepiante- e do horror dos asasinatos na retagarda vai xurdir o carácter que guiará con forza o resto dunha longa narración autobiográfica.

Nas catacumbas, segunda parte, debulla polo miúdo a posguerra, a loita da guerrilla e a vida cotiá dos “desafectos ao réxime”, chea de dificultades e castigos que les inflixen sen piedade os vencedores. Abrangue desde o inicio da II Guerra Mundial ata os peores momentos da “autarquía” dunha ditadura illada. É fiel reflexo da situación na época: o peso da relixión oficial, o racionamento, o estraperlo… e a esperanza dunha caída de Franco que no se produce. Nestes anos, o supervivente da guerra usa as ensinanzas adquiridas nela para continuar sobrevivindo. O seu principal apoio moral provén dun pastor británico, compañeiro dos que aparecen na primeira novela.

Unha falsa luz é a terceira e máis extensa das tres partes da historia, que chega ata o momento de dúbida e expectativa da morte do dictador. Ao longo de vintecinco anos o réxime afiánzase mais vese obrigado a facer concesións de liberdade que ás veces cegan os perseguidos ao tentaren saír das catacumbas a que se afixeron. O personaxe principal da historia usa fe e intelixencia para conseguir facerse respectar por quen o teñen por “comunista, masón e protestante” e revela aspectos ignorados do seu mundo escuro, coma a axuda dos evanxélicos alemáns aos prisioneiros da División Azul en Siberia ou o exilio dos evanxélicos españois á Arxentina tras dunha persecución implacable.

Ese exilio relixioso, ignorado en España cando tanto se escribiu sobre o exilio ideolóxico en xeral, é un máis dos moitos elementos sorprendentes dunha narración que se baseou na recolleita de testemuños por España, Inglaterra e Arxentina; e que tomou forma de autobiografía para dar proximidade e calor humana ao relatado. O que puido ser unha ampla reportaxe resultou unha ficción tan inmediata á realidade que con ela se confunde -intencionadamente- ao longo das súas máis de 1.200 páxinas.

Share

One Comment

  1. Gostei muito da trilogia. O segundo volume fai-se as vezes um bocadinho cansativo, mas em geral é umha narraçom muito ágil, e muito interessante. Com os anos a minha fame de romances foi-se saciando, mas este três devorei-nos.

    Muito obrigado
    Se Moncho

Comments are closed.