Serán co Xavier Queipo en Ribeira

En Ribeira hai unha ilustre orde de defensores e honradores de Valle-Inclán con sede no Bar Plaza, en cuxo balcón manda a efixie do manco barbado e xenial. Esa xente culta convidou o Xavier Queipo para presentar a súa novela última, ‘Extramunde’. Eu fun convidado para falar do autor, que non é personaxe común.
Chegamos a Ribeira en horas que polo verán permiten gozar de vista gloriosa da ría arousá, mais que en inverno son de noite. Co fresco fomos vsitar a lonxa e gozar da lección que nos daba, coma quen que non facía nada, o sabio Queipo, biólogo mariño e funcionario da Dirección Xeral das Pescas da Comisión Europea. Moito se aprende con quen sabe, e con quen tenta saber aínda máis. Polo Xavier aprendemos de especies, tamaños e vedas. Abondou con pór a orella ao que el lles preguntaba a os distintos suxeitos sabios que circulaban pola lonxa e os peiraos…
Máis tarde houbo presentación, con discusión e revoda en restaurante. O Queipo foi claro expresando a súa visión do mundo da escritura, e os mundos de que se valeu para contar unha excursión de tolos e herexes entre Galicia e as illas Palao, que aparecían e desaparecína dos mapas en tempos nos que calcular a lonxitude xeográfica era quimérico.
Xavier leva vintecatro anos a vivir en Bruxelas. Non se reduce a ler literatura “de Letras” en castelán -e algo en galego- coma a maioría dos escritores do Impaís. Le de todo en cinco idiomas e a súa formación de médico e biólogo lévao a describir coma ninguén seres humanos e animais de toda especie, e fenómenos naturais que ás veces chegan a fábulas bíblicas coma as pragas de Exipto.
Este “hemigrante” (medio expatriado en Bruxelas) con casa en Vigo non vai demorar en volver ao Impaís, por razóns de traballo (na Axencia de Europea das Pescas) e de Literatura (recepción do Premio San Clemente por ‘Extramunde’). Sería bo que os axentes culturais tomasen nota da súa axenda en Galicia para o convidaren a dar palestra: pouca xente dá leccións tan baratas coma as do Queipo -de bioloxía mariña ou de como escribir prosas e versos.

Share