Os horrores do Hórreo

Seica co mes do Nadal comezan os labores do Parlamento galego, que vai presidir a Sra. Rojo (ou quizias Roxo, porque o apelido pode ser galego e nada ten que ver co Rojo castelán, Vermello en versión galega).
Esta señora permitiuse a desvergoña de non aprender a falar galego nos case catro anos en que presidiu a asemblea de deputados no Hórreo.
Se ela non se corrixiu, ¿que se pode esperar dos seus pupilos?
O observador curioso das cousas dos idiomas pode perder o seu tempo escoitando discusións por salas e o salón do Hórreo para comprobar os horrores do que alí se fala. Son tantos que as máquinas automáticas de tradución do suposto galego ao castelán sinxelamente tolean.
Lembro agora unha frase que seica pertence ao presidente da Irreal Academia do Impaís, o Converso Ferrín antes Antisistema. Dicía que máis vale que os deputados falen galego aínda que o falen mal.
Que eu saiba a IAI (repito: Irreal Academia do Impaís) non se ofreceu para estudar as leis do neocastrapo político para, desde elas, deducir as regras de corrección correspondentes.
Nos Estados Unidos véndense cursos de inglés para que os inmigrantes poidan ser aceptados como cidadáns estadounidenses. ¿Non habería que esixir dominio do galego aos deputados? ¿Canto custaría un curso de corrección de neocastrapismos para 75 alumnos?
A señora Rojo / Roxo ten a palabra. E se quere saber de “language crash courses”, fale con israelís e ianquis.

Share