Bombas contra os montes

Aínda non rematou o verán na Península Ibérica e fican altas posiblidades de que os motes ardan a eito. Hoxe están a arder en diversos lugares da Gallaecia mais, se mirarmos o mapa enteiro da península a ollo de satélite, logo veriamos que non houbo recanto que non ardese. Mesmo o Julio Iglesias láiase de que as lapas de Marbella (desde agora, Marfea) atinxisen a súa petite maison malagueña…
A cousa vai sendo seria, señores condes, porque, cando o monte se queima algo do seu de verdade, con xardín e piscina, tamén se queirma.
De feito, comezan a tomarse medidas que se deberían ter tomado hai tempo. Os condes e os cantantes convenceron a El Señor de los Hilillos (de Plastilina del Prestige) para que mande os parados a limpar o monte.
Ben, pero coidado, porque os parados poden virar tan pillos coma os que coidaron sempre os bosques, que os queimaban para despois recoller un peso por cada piñeiro plantado na repoboación.
O monte que non arde -como o que se estende pola faixa cantábrica de Galicia- é o que coidan os donos porque lle quitan beneficio directo. Todo o resto pode arder. O persoal, na incrible inconsciencia en que vive, non se decata de que o monte é unha necesidade para todo o mundo: para que poidamos respirar e non nos falte a auga.
Pero é moito máis: comida para rumiantes e equinos (que nós comemos), madeira para construción e enerxía, e fibra para vestido. O monte é de todos, de verdade e dunha vez: de todos.
Por iso, todos nos debemos empeñar en acabarmos co abuso do negocio negro que ocultan os incendios. ¿Como é posible que un avión teledirixido mate un xefe talib no Afganiastán e non poida apagar coa mesma precisión un foco de incendio con bombas de gases extintores?
O problema dos montes segundo continúa o quentamento global non se arranxa só con patrullas a pé, en coche, en moto ou a cabalo (estas, as máis efectivas); non se dá solucionado cos tropas de parados (seica temos 5 millóns deles) a limparen cada hectárea de bosque. Cómpre a utilización de bombas, si, bombas extintoras que convenzan os que prenden os lumes de inutilidade do seu choio vil (ou demencial).
Velaí onde se deben facer os esforzos, e onde se deben queimar os diñeiros que hoxe engole felizmente todo un sistema ultrapasado de extinción. Ese sistema (“tarde piaches”) empeza a responder cando o lume se espallou (tantas veces desde focos numerosos) e adquiriu dimensións que superan a súa capacidade de resposta.

Share