Día do Apelido Galego

Por un vello costume, a xente leva apelidos. Antigamente a súa aplicación era arbitraria; pero, co tempo, arganizouse de maneira que se herdan os nomes de familia (mesmo que as nosas avoas se deitasen cos nosos avós unicamente).
O feito é que os pobos con orgullo do que son mantiveron os seus apelidos contra ventos e mareas. Non así os pobos entregrados á dominación doutros.
O caso galego é patético. Por tomar un só exemplo, vaiamos ao de Otero. Todos sabemos que é a castelanización de Outeiro (que, por certo, raramente perviviu). ¿Haberá algo máis estigmatizante que o feito de que o “Patriarca da Cultura Galega” mantivese o seu apelido castelanizado?
Os apelidos son zume de cultura, resumo de séculos de ser dunha maneira diferente; mais en Galicia a xente olla para outro lado (cando non se revira furibunda) cando se lle chama a atención sobre a covardía de non regaleguizar o apelido castelanizado.
Moitos dos que van ir armar un barullo do demo o Día da Patria Galega manteñen os apelidos deturpados polos castelnizadores (cregos e escribáns), e pronuncian “Rakhoy” e “Feikhó” mentres tentan pronunciar “Yordi Puyol” (nunca “Khordi Pukhol”).
Sería bo que xente valente montase un Día do Apelido Galego en honra a como foron os antepasados que fixeron o país. Non hai mellor xeito de axudar a manter os restos do naufraxio cultural en que Galicia se afunde.

Share