Carbón, negro futuro (A voo de tecla, 10/08/2012)

Don Manuel Molares Porto é un home poliédrico e lonxevo. O traballo nos ferrocarrís ensinoulle o que custaba o carbón mineral, a súa amizade con carboeiros ensinoulle o valor do carbón de toxo. Cando chegou o butano pasou aviso: unha bombona facía o mesmo servizo que un carro de leña acarboada.
Leña, carbón de leña e carbón mineral teñen un longo percorrido parello durante a Historia. Serviron para quentar lares e fundir metais ata que se puxeron ao servizo do vapor. A revolución industrial provocou unha grande avidez polo carbón mineral. Ollando o mapa do mundo logo se ve unha relación de avances técnico-científicos, económicos e sociais coa proximidade ás minas de carbón. España non tivo sorte nos repartos da Mai Natura: aquí o carbón sempre foi malo de apañar.
En Galicia a sorte foi aínda peor porque nin sequera se dá o carbón de calidade. A cheminea da central eléctrica das Pontes colleu sona no mundo pola peste que botaba ata alturas enormes. Segundo o lignito da conca eumesa se ía acabando houbo un respiro, porque podía vir carbón barato e menos contaminante de distintas concas do mundo. Ninguén pensaba no carbón que se obtén en León e Asturias.
Nos EE.UU. hai carbón para centos de anos, gas natural para outros tantos e diñeiro para investigar continuamente en solucións enerxéticas cada día menos contaminantes. Por iso alí van desaparecendo as centrais eléctricas de carbón. Sobra carbón e o “lobby” carboeiro fai presión en Washington; mais este verán está a ser abafante na capital federal e por ela circula a idea de que o quentamento global é iso, “global”. Por tanto cómpre loitar contra o carbón no Globo, comezando por non extraer nin vender o que sobra.
Don Manuel Molares anda preocupado por España. Di que aquí todos queremos vivir “polas almiñas”, como os mendigos. De feito desde hai décadas minas e mineiros viven da esmola, da subvención do estado nun mundo onde impera o comercio libre; e cómpre preguntarse en Galicia por que non poden vivir así tamén armadores e mariñeiros que van sendo expulsando dos caladoiros exteriores.
Dura é a negrura da mina, mais non é mol a vida no alto mar. Compárense nóminas, mortes en accidente e emigracións… Se cadra os que viven da mina deberían aceptar a realidade e, por dignidade, mirando para outros obreiros, renunciar á súa negra quimera. Repasando a historia, tería sido máis axeitado usar a subvención do Estado á minería para ensinar novos oficios, crear empresas e investigar métodos de produción de enerxía. Por exemplo, o bo facer mineiro podería empregarse na enerxía xeotérmica.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 10/08/2012]

Share