Unidade bandeiril

Non se pode negar que un trapo a flamexar no vento é un elemento capaz de tolear a xente. Incontables seres humanos morreron por un trapo de cores. Foi a derradeira imaxe que os sous cerebros integraron, pola que as hormonas os obrigaron a un esforzo superador das súas capacidades…
“Banderita, tú eres roja; banderita, tú eres gualda / Llevas sangre, llevas oro…etc.” cantaba a folclórica nos tempos do glorioso xeneralísimo Cerillita -ou Paquita- Franco. Despois viñeron a Transición, a autonomía (ou sexa, o café para todos) e demais trapalladas; e España encheuse de trapos de segundo nivel, algún tan inventado coma o do País Vasco (país que nunca existiu, claro), e a rojigualda foi relagada, e mesmo retirada. Ata que o fútbol a veu recuperar.
Non pasa así noutros mundos con diversidades maiores cás de España, mesmo en países conformados por estados que se federaron. Neles andan coa mesma bandeira segundo pasan os séculos e os trapos “nacionais” presiden campos de batalla e morte. Nos Estados Unidos -exemplo claro de unidade bandeiril- as cores patrias penetran ata os recantos máis fondos, ocupan lugares que en España non se darían imaxinado. O trapo das estrelas e as listras é unha constante que forza os cerebros a obedeceren cegamente.
Se cadra é iso o que busca a dereita españoleira e monárquica no Madrid de hoxe: a falta dun país polo que se sentir orgullosos en función de grandes consecucións – como os ianquis, que mandan xente á Lúa e nos fan usar Windows e Apple-, sintámonos españois por unha pallasada: o fútbol (que inventaron na arquienemiga e pérfida Albión)…

Share