Madrid, Casa de América

Escribo desde Washington en día de calor subtropical, abafante: dous dólares e medio unha botelliña de auga fresca nun posto da rúa. Veño coa memoria posta en Madrid, onde pasei as primeiras calores do verán do 2012: os saltos térmicos serían perfectos se non houbese polo medio os fríos do aire acondicionado…
Traio de Madrid unha mestura de impresións, agradables e rexeitables. Nada tan acolledor coma os amigos que para sempre ficaran en Majrit, a capital de Centralia, o estado que oprime a provincia de Alenmontes en ‘O Larvisión’, relato que escribín viaxando de Madrid a Nova York cando aínda non podiamos imaxinar a arañeira dos servidores de datos a cubrir o mundo.
Queridos amigos de Madrid, moi agradecido pola vosa presenza na Casa de América para a presentación de ‘Verde oliva’, a narración longa que debería ser longuísima, pois nunca se darán contado todas as aventuras dos galegos nas Américas. Queridos descoñecidos que viñestes a esa presentación e xa deixastes de ser descoñecidos, o mesmo agradecemento.
Alá van corenta e oito anos de vida desde que un tren fumarento e feluxento me deixou na estación de Principe Pío, hoxe inútil. Daquela Madrid era unha cidade rodeada de chabolas onde vivían masas de campesiños dispostos a se converteren en obreiros da construción e da industria. Todos eran españois e deles saíu unha mestura de xente que xa esqueceu as súas orixes… Hoxe Madrid é algo onírico, un inmenso pueblón manchego con ínfulas de cidade onde os chineses serven nos bares e nas tendiñas de barrio, onde se ven máis estranxeiros pobres que españois acomodados, onde só parece haber algo en común: o Real Madrid…
Pasei dous días divertidos, apertei e biquei xente, recibín eloxios (cos que vivimos os vaidosos); e o meu editor convidou a cear amigos no Café Gijón, onde un feixe de poetas declamaban versos españoleiros e arribaespañeiros.
Nesa cea descubrín pecados de cregos, que me interesan para unha novela próxima (ollo ao segredo de confesión, que é imposible de manter pois nada é segredo cando o sabe quen non forma parte del).

Share