Absurda duplicidade (A voo de tecla, 09/12/2011)

Tanto o Sr. Rajoy (a pronunciar Raxoi) como o Sr. Feijóo (Feixó) son homes ben coñecedores da administración. Aínda que anden mal de idiomas, terán asesores que lles digan como funciona a sanidade polos mundos do benestar, da Dinamarca perfecta á Irlanda inxusta.
Sen falta de asesores han saber como funciona o absurdo sanitario en España (Feixó xa deu mostras de sentidiño en Galicia con axuda da Sra. Farjas). Pódese apostar a que ambos mandatarios pagan seguros médicos privados, como todo burgués español. Aínda máis, ambos saben que os médicos tamén os pagan para eles e as familias. Non se lles oculta que as empresas fidelizan os empregados engadindo seguros privados ao soldo; e –por se o escándalo fose pouco– ven como institucións dependentes das administracións fan o mesmo que as empresas.
“Se che pasa algo serio, o mellor é ires ao Sergas; pero, para probas e operacións menores, pódeste eternizar”. ¿Está claro? Se che teñen que andar nas coronarias, o CHUS, o CHUAC ou calquera outro dos grandes. Pero se o fallo é da vesícula…
Por tanto, señores, esperemos que eses dous galegos máis ou menos galeguistas poñan orde polo ben de todos nun sistema solidario. E fagámonos a grande pregunta: se en España se transferise o que se paga en seguros médicos privados á caixa da sanidade pública, ¿non daría para termos un servizo médico universal marabilloso?
Non se trata de impedir, en democracia, o exercicio privado da Medicina. Os señores Rajoy (Raxoi) e Feijóo (Feixó) ben entenderán a pregunta.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 09/12/2011]

Share