Rakhoy si, Pukhol non (A voo de tecla, 26/11/2011)

Nos tempos duros do Prestige, cando o dos “hilillos”, os tertulianos da Radio Voz discutiron o absurdo de falar do Pazo de Raxoi e de Mariano Rajoy. Uns pronunciaban o apelido á galega, convertendo o iota histórico nun xis, e outros mantíñanse en Rakhoy, á castelá. Os partidarios de Rakhoy argumentaban que “así o pronuncia el”. Os outros mantiñan que o faría por ignorancia ou desprezo á galeguidade do topónimo tomado como apelido.
Moitos anos atrás, cando se discutira a primeira lei de normalización lingüística, os filólogos advertiron da importancia de que o galego non se grafase de xeito “demótico” senón etimolóxico e histórico, que o achega á norma dunha lingua mundial como é o portugués irmán. Triunfou a liña rexionalista, dialectalista (ou como se lle queira chamar) fronte á científica. De aí que a xente vexa un apelido escrito con iota ou con xe (Rajoy, Feijó, Gens, Gesteira…) e o pronuncie á castelá. Iso independentemente dos apelidos que tiñan xis de orixe (Seixo, Teixido, Ameixeiras…) e foron deturpados.
Curioso o empeño dos pais galegos por que os seus fillos aprendan unha lingua sen regras claras de pronuncia coma o inglés e non entendan a vantaxe de practicar o galego etimolóxico. No entanto, non hai locutor da CRTVG –obrigada á normalización lingüística– que ouse vocalizar á galega o apelido máis pronunciado incorrectamente estes días. Ora, ningún pronuncia Jordi Pujol como Khordi Pukhol; e así o Impaís nunca vai chegar a país, nin cun galego mandando en Madrid.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 26/11/2011]

Share