MarGalaica cómese ao mar

O galaico-portugués e o castelán deben ser as linguas románicas perfectamente definidas que máis semellanzas teñen, e, con todo, manteñen serias diferenzas. Unha delas é a da pronominalización. Os casteláns tenden a facer pronominais verbos que non teñen necesidade de selo. Por exemplo: comerse, bajarse, jugarse, saltarse, estudiarse, morirse… Quen pensa en lingua galaico-portuguesa (de Galicia, Portugal, Angola, Mozambique, Cabo Verde, Guinea, São Tomé, Brasil…) ás veces non dá entendido os caprichos dos castelán-falantes. Seguindo cos exemplos que interesan ao caso: “comer-se” sóalle a autodevorarse. Un absurdo.
Agora aparece unha nova fala en Galicia que procede de anos de “normalización” (ou sexa, absorción) lingüística. Esa fala é o galaico-madrileño, pois nin galaico-castelán é xa que en países de fala castelá non contaminados polo madrileñata non se dan eses fenómenos.
E sigamos co caso, que é o de MarGalaica e os seus anuncios, con certas axudas. Absurdo nome o de MarGalaica pois O Mar sempre foi masculino no occidente da Península Ibérica. “La” mar é cousa de xentes que pensan en castelán, moitas das cales nunca viron as ondas da Costa da Morte, que tan pouco teñen de feminino. Os portugueses andaron os Sete Mares do Mundo e sempre os trataron de varóns, nada de femia.
En MarGalaica (que debía ser MarGalaico, insistamos) confunden as linguas, de maneira que nos incitan ao gozo cun “Cómete o Mar” ao que lle sobra o pronome “te”.
Pero non acaba aí o desastre. Alguén (dise o pecado e non se nomea o pecador) fai loa da iniciativa de MarGalaica cunha frase tan demencial como “Cómete ao mar”. ¿En que trampitán pensaría que escribiu tal aberración? Porque, se pensase en castelán, como moito chegaría a escribir “Cómete el mar”, nunca “Cómete al mar”. A preposición “a” úsase no acusativo castelán cando se personaliza, unicamente.
En fin, señor conselleiro de Educación: velaí os resultados do “bilingüismo armónico (agónico)” e do “trilingüismo ( hipotético)”. Caia o sangue sobre as cabezas do señor Currás, agora desaparecido, e de vostede.

Share

2 Comments

Comments are closed.