A Maqueta da Cultura (A voo de tecla, 26/10/2011)

“La grandeur française” vai sementando París de espazos monumentais impulsados polos presidentes da República, nomeadamente o Centre Pompidou. Iso está ben nun país con recursos para obras –que nunca paga do seu peto o mandatario– e sempre que o edificado teña funcións coma as do devandito centro: transferir coñecemento, atraer visitantes do mundo e recadar cartos.
En principio, pois, nada que criticarlle a don Manuel polo da Cidade da Cultura. Se non puido deixar unha grande obra no Madrid dos seus devezos políticos, polo menos que a deixase en Compostela. O malo de todo ese enguedello é o da maqueta.
Cando non había sistemas de realidade virtual, para explicaren as obras os arquitectos encargaban maquetas a escala reducida dos planos. Nunha secuencia lóxica, facían planos e cálculos, xogaban coa estética e a enxeñería, coñecían o proxecto ao punto de poderen albiscar a súa viabilidade e daquela un artista fabricaba a miniatura.
Sen embargo, no caso do Gaiás ocorreu algo fantástico: aprobouse un proxecto en base á beleza dunha maqueta. Entón, nun proceso de enxeñería inversa, con láser e apalpador trazáronse os planos tridimensionais da miniatura que despois se aumentaría ata o tamaño real. Logo de se determinaren as dimensións da obra é cando alguén se atreveu a arriscar un prezo… imposible de pagar.
Pena que María Elena Walsh non lle chegase a dedicar á Cidade da Cultura unha estrofa de “El reino del revés”, a súa famosa canción infantil: o da maqueta foi cousa de nenos.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 26/10/2011]

Share