Neuronas especulares (A voo de tecla, 24/10/2011)

Nestes días de grandes confusións e violencias pode ser interesante un texto curto e clarificador titulado “Why We Believe in God(s)” ou, en galego para todos, “Por que cremos en Deus(es)”. O seu autor é o profesor J. Anderson Thomson, psiquiatra clínico evolucionista vencellado aos estudos sobre o funcionamento do cerebro dos primates superiores da especie Homo Sapiens.
O libro –que pagaría a pena dunha tradución anotada– tenta demostrar que os humanos vimos ao mundo co cerebro preparado para a vida en común, cunhas condicións básicas de partida que nos fan a todos iguais, aínda que familia e cultura (“Yo soy yo y mis circunstancias” lembrando a Ortega) nos leven a credos e comportamentos diferenciados no detalle.
No glosario final do libro hai un concepto interesante, o das “mirror neurons”: as neuronas especulares, grazas ás cales “sentimos a dor dos outros”. “Isto é innato, non inventado pola relixión” mantén Thomson, suxerindo que, con independencia da crenza e a moral que a poida acompañar, todos os humanos somos capaces de nos pór no lugar do próximo e sentir como el sentiría nunha agresión.
De aí a clemencia que pedía o Ghadafi cando o colleron no tobo derradeiro: quería recordar aos captores o que sentirían se as balas os atravesasen. De aí que se lles poida preguntar aos asasinos da ETA canto teñen de humanos. E mesmo de aí que a indignación dos empobrecidos se dirixa contra quen se enriqueceron sen pensaren na pobreza dos que naceran tan humanamente nus coma eles.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 24/10/2011]

Share