A lingua das criadas

Galicia é un país que perdeu o futuro hai séculos, desde a doma e castración, pero sempre contou con románticos que ciclicamente a viñan salvar. Unha desas vagas románticas produciuse alá polos anos 60 dun século do deberiamos sentir orgullo, sobre todo vendo que o presente é de pobos sen ideoloxía nin azos para loitar.
O caso é que a lingua galega desaparecera das casas da “xente ben” e os burguesiños de cidade nunca a praticaban; pero podían ter bo oído e fixarse en como falaban as criadas. Con iso e algo de aldea no verán sentarían as bases para aprenderen a falar a lingua dos antepasados.
As criadas eran un excedente rural –ou mariñeiro– e viñan do “atraso” cunha sabedoría de séculos expresada nun idioma poético por natureza. Se analizamos (que fale Mestre Vicente de Ferrol-Xuvia) quen foi quen na “nova canción galega”, atoparemos señoritos ensinados por criadas. Concretamente, o Do Barro aprendeu a falar o galego que lle tentaba ocultar a humilde Cipriana.
Pasados os anos, deixou de haber criadas e apareceron as asistentas, tamén de aldea, a quen os señoritos dos anos 60 lles entregamos os fillos nados nos 80. Ata aí chegou o galego en estado primixenio, con todas as súas riquezas. Nesa altura, algúns burguesiños víronse axudados por dobre banda –pais e asistenta– e mesmo eran os mellores na aula de Gallego.
Mais seguiron a pasar os anos e Galicia seguiu a morrer intensamente. Agora non hai criadas nin asistentas do país; ningunha moza chega da aldea coa fala fresca de todos os avós (porque os avós dos burgueses tamén foron labregos ou mariñeiros xeracións atrás). Arestora as empleadas del hogar son estranxeiras de fala antigalega: ou castelá das Américas ou portuguesa do Brasil. ¿E por que antigalega? Porque castelán e portugués son ideoloxicamente inimigos do galego. Só xente culta dos países onde se fala castelán e portugués é capaz de racionalizar a Historia e pode aceptar a existencia do Ecce Homo dos Idiomas…
En fin, proposta republicana e galeguista á Real (Monárquica) Academia Galega: que un ano se dedique o Día das Letras ás Criadas, as cales facilitaron durante máis dun século que os ilustrados retomasen a fala deostada polos seus maiores.

Share

7 Comments

  1. Pingback: A língua das criadas

  2. um qualquer

    Qualquer “criada“ brasileira fala o galego melhor que você, que conhece moito melhor o castelám. Isso de pôr o português, a carom do castelám, como inimigo do galego é umha ruindade. Espero que retifique.

  3. Isabel

    Podo entender, que alguén alleo a Galicia, ó galego, poida pensar o que está escrito no comentario anterior, mais, que no no escriba por favor, xa que fire os sentimentos dos que somos galegos, e nos sentimos galegos.
    O galego, non é castelán chapurreado, nin é portugués, nin é esa lingua descoñecida que están a enseñar nas escolas a os rapaces. Sí, son linguas inimigas do meu galego, o que aprendín de meus pais, de meus avós, ese galego do medio rural, que temo que xa non voltará que é a “lingua das criadas” .

  4. À pessoa que tentou escrever em português (“um qualquer”): veja, oiça, escute como as brasileiras que há hoje na Galiza fogem do galego como do diabo… Louvadas sejam as criadas que nos criaram aos burguesinhos da Galiza, que nos passaram a língua que, como dizia o Professor Carvalho Calero em referência à nossa classe social, “não importa esquecer”

  5. Á Isabel: non comprendo ben en que consiste a súa crítica ao meu artiguiño. Mal se pode construír unha lingua nacional se se esquece a fala do pobo, mesmo que esa fala estea contaminada pola lingua do poder. Nun longo proceso de recuperación, durante as catro últimas décadas, en Galicia filólogos e escritores fomos filtrando e destilando o escoitado á xente para convertelo en idioma propio da Literatura. Eu tentaba loar a fala das criadas, non deostala.
    A pena é que ca non haxa máis a estrutura social que permitía pasar a lingua de pobo aos señoritos. As poucas asistentas que fican son mulleres iberoamericanas, na maioría delas de fala castelá por abandono das falas indíxenas…

  6. Isabel

    A Xavier:
    A miña crítica non ía en contra do teu artigo, ó contrario, estaba a critica-lo comentario da persoa que firma como “um qualquer”. Eu penso ó o mesmo que ti dis no artigo, que, o labor feito polas criadas foi moi importante para o galego. O que tento dicir tamén e que o galego que estamos a oir agora mesmo nos medios de comunicación, o galego que se está ensinando nas escolas, ese, non é o galego das criadas, o galego de calquera pobo o galego có que eu medrei. Un saúdo

  7. um qualquer

    Bom, sei-que este retruque chega tarde, mas la vai: para o senhorito Javier Alcalá, fique claro que eu nom “tentei escrever em português“. Nom senhor. Eu escrevim em GALEGO. Algo que o senhor, para além de nom tentar fazer, porque nom lho pagam, nom atingiria a fazer. O senhor fica-se polo galeÑol. Vocé, que é um senhorito espanhol, é normal que despreze as “criadas“ brasileiras, por serem “extranjeras“. No entanto, eu aprendim o galego entre labregos galegos d’aquém e além da raia. Tome nota hom: umha língua dificilmente se aprende bem dumha só pessoa; cumpre a imersom total entre os falantes dela. E se eles estiverem longe da castelanizaçom, muito milhor.

    Eu nom tirei nada do valor das criadas galegas, foi o senhor quem qualificou as brasileiras de “antigalegas“. E iso é-lhe muito, muito vil, hom. Os brasileiros nom lhe fuxem do galego, nom. Fuxem-lhe do galeñol, ese que o senhor tam bem fala e escreve.

    Eu continuarei a pescudar as suas desculpas.

Comments are closed.