Novela negra (A voo de tecla, 24/09/2011)

Outono, época de temporais. Como cada ano asaltan a memoria dúas datas de novembro, o 13 e o 19. A quen ande fraco de neuronas pódenselle recomendar dous libros da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, “La huella del fuel” y “Rumbo variable”: no ano próximo hase cumprir unha década do desastre do “Prestige”.
Moito se escribiu sobre o caso, e moito se poderá escribir dun preito que demostra canta inxustiza hai no mundo. O curioso é ata onde pode chegar a capacidade creativa cando hai boa materia para fabular; e mostra diso é “La mancha negra”, exemplo de novela negra polo trasfondo de chapapote no que se desenvolve e por contar con todos os elementos do xénero policiaco sucio.
Manuel Sánchez Dalama, cubano de sospeitosos apelidos galegos (¿quen non ten algo de galego en Cuba?), atreveuse cunha historia que xunta o Man de Camelle co capitán Mangouras pasando pola vida dun “poli” que comete un erro fatal. A casualidade continua do existir, que dun rapaciño inocente do Courel fai un “madero” entre narcotraficantes madrileños, serve para que o Da Lama conte o que se medio calou do desastre na Costa da Morte; e para amosar un coñecemento da rúa e da cadea (Teixeiro en concreto) propio de quen se documentou ben.
No mar das mentes segue o ronsel do “Prestige”. Pena que o galaico-cubano Sánchez da Lama teña aínda que gardarse de espías castristas, mesmo en Galicia. Porque as súas vivencias dan para moita novela negra sobre a Cuba que el deixou á procura de liberdade para escribir.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 24/09/2011]

Share