Caixa do Retorno (A voo de tecla, 20/09/2011)

Londres, comezos do outono. Á porta do “Tube” (o metro) dous morenos poderosos con chaleco reflectinte impiden que a masa se atropele escaleiras abaixo. Á espera de permiso para baixar, unha rapaza e o seu protector –o mozo, claramente– falan galego. A presión dos demais, que falan inglés e linguas asiáticas, induce a intimar con eles. Son unha informática e un biólogo. Xa andaron por Francia e Luxemburgo. Agora teñen bos traballos aquí e van ver se “estabilizan a relación”.
A conversa continúa no vagón e unha referencia a Bruxelas solta a voz da rapaza: “C’est dur de mourir au printemps”. Como canta Jacques Brel –di–, é duro morrer en primavera, e eles “morreron” mozos. Poética, rosaliana, refírese á emigración da mocidade galega: unha cousa é saír de bolseiro e outra saber que non se pode volver. Ela é de Narón; el, de Vilagarcía. Ela adora as praias da Ferrolterra; el tiña teima de traballar nunha empresa de viño arousá. Baila unha auga de saudade nos ollos de ambos cando descenden á plataforma…
Nun seminario sobre I+D en Victoria Street salientan as dificultades de competir con coreanos e chineses: teñen unhas políticas potentes de recuperación de cerebros; saben que cómpre inventar e facer produtos de calidade. Fálase de “rexións de coñecemento”, de especialización rexional. Un galego de Barcelona teoriza á parte: o novo sistema financeiro galego debe apostar pola interconexión e a captación da diáspora intelectual. O que ficou da caixa única ten que ser “A Caixa do Retorno”.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 20/09/2011]

Share