Cabalo de ouros (A voo de tecla, 25/08/2011)

Hai libros para ler, e outros para reler. Na segunda categoría entra “Cabalo de ouros” de Víctor Freixanes, pola historia contada e pola lingua usada para contala. A esta altura da súa traxectoria, dicir que Mestre Freixanes sabe facer Literatura e señorea o idioma galego pouco ten de orixinal. Ora, a última entrega do escritor dá dereito a comentarios doutro tipo.
Probablemente, se o libro for recomendado para rapaces do bacharelato, algunha asociación de pais poderíase levantar clamando escándalo sobre o “cataclismo” que se conta na novela: ¿que foi iso do wolframio e dos presos políticos a redimiren penas escavándoo? ¿Como podía correr diñeiro a montes no tempo de extrema inmundicia da posguerra? ¿Casas de mulleres en vilas á beira dunha ría calquera? ¿Que se xuntaban dous bandos de apostadores, con diñeiro e compromisos de pago, para unha partida a tres noites entre un abade e un capador? Imposible que un gobernador civil estivese metido no enguedello, permitindo que todo acontecese antes de os ventos viren feos para o seu bando.
Mais Galicia foi así, terra de amores e xenreiras, onde cregos “facían cría” nas mozas, bebían, fumaban, xogaban… Amor, guerra, América que todo acolle, fillas a miraren polos seus pais con sotana: “Cabalo de ouros” é o retrato dun pobo que hoxe esquece a súa épica. Quen aínda crea nunha Galicia (España cainita ao fondo) de mulleres e homes valentes vaia lendo –e relendo, anotando, comprobando– o caso da partida no Pasamundos do mundo freixánico.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 25/08/2011]

Share