Galicia con neopreno (A voo de tecla, 16/08/2011)

O Impaís (Galicia ou Galiza) ten, entre outras condicións máxicas, a das praias: centos delas que o bañista contempla ilusionado ata que mete o pé na auga. Daquela sente a realidade, tan semellante á dun país lonxincuo cunha illa marabillosa, Nueva Galicia. Mais xa se sabe: marisco ou auga quente. Mariscos famosos, os de Galicia e Chile.
A praia ten moito de exhibición e moda (xa o Andrés do Barro nos deixou unha canción lindísima, “Corpiño xeitoso”), e chama a atención que os deseñadores galegos aínda non se metesen a traballar co neopreno. Porque o neopreno é a segunda pel que nos permite bañarnos sen sufrirmos un choque traumático nas augas apetecibles.
O bendito neopreno foi primeiramente unha cara necesidade para mergulladores e percebeiros; despois, coa popularización do “surfing”, veu baixando de prezos. Hoxe está ao alcance de economías domésticas, e, de feito, abonda ir –por exemplo– á praia belísima (con auga friísima) de Beo de Malpica para ver grupos de adolescentes xogando “ao tsunami” envoltos no material prodixioso. O profesor Ángel Carracedo, alén do ADN, sabe moito de mergullo e asegura que un traxe groso mesmo lle fai “suar” tras media hora vendo fondos submarinos.
Unha campaña turística baixo o lema de “Galicia con neopreno” aumentaría enormemente a presenza de foráneos e alongaría a temporada de baños –e ingresos– á beiramar. En tempos de “economía da excelencia” cumpría que o país se convertese nun referente: moda funcional para baño, “surf” e mergullo.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 16/08/2011]

Share