Colaboracionistas (A voo de tecla, 03/08/2011)

Noruega é un país fermoso –mestura de Galicia e a Patagonia Chilena– con xente ben feita. Os dinamarqueses din que as súas mulleres son as máis belas de Europa porque os viquingos raptaron canta rapaza linda vían nas costas do Continente. Os holandeses son o pobo máis alto do mundo. Con todo, os alemáns dos Tempos da Loucura Bélica –que ignoraban o ADN– decidiron que os arios perfectos eran da Noruega e, cando a ocuparon, montaron alí criadoiros de nenos ideais para a estética nazi.
A tolería da super-raza xermánica non foi exclusiva do Hitler: velaí o Vidkun Quisling en Noruega e o Anton Mussert en Holanda, que dispuxo mandar colonos ás terras de eslavos conquistadas para o Reich. Hoxe, na Europa da Unión, fica feo recordarlle a ninguén o que tramaron tipos da Nova Orde coma eses, ou Oliveira Salazar e “o galego do Sr. Franco” (segundo o Salazar lle chamaba). Mais de Lisboa a Bucarest todo o mundo colaborou mentres pensaba que o austríaco Hitler ía poder contra as dúas potencias emerxentes do mundo, a URSS e os EE.UU.
Por iso, que agora ninguén se estrañe de que un bárbaro ultranacionalista noruegués mate tanta xente ao chou. E que ninguén esqueza que cando xoga un equipo flamengo en Heizel desaparecen todos os “norteafricanos” que adoitan pasear coas familias polos campos próximos ao estadio de Bruxelas. Hai quen só acepta unha “Europa branca” con pequenas concesións aos pobos meridionais do Continente (os holandeses rin dos flamengos por baixos. Din que teñen sangue español).

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 03/08/2011]

Share