Trens e carabelas. O “Foguetão” (A voo de tecla, 15/07/2011)

Cando Portugal aínda non era “um país europeu” senón “um sonho de caravelas” (en palabras do Marcelo Caetano), había un tren “rapidíssimo” do Porto a Lisboa ao que chamaban “Foguetão”. Nel, a velocidade de foguete portugués, víanse pasar as paisaxes amables da transición entre a Gallaecia e a Lusitania. O malo daquela era chegar –non poñamos máis lonxe– de Vigo ao Porto. E de Ferrol ao Porto sería xesta comparable á das descubertas da Asia por obra dos grandes mariños portugueses.
Pasaron décadas, Portugal converteuse no que sempre fora por dereito, un país europeo, entramos todos na Unión, desapareceron raias secas e húmidas, mais a cousa pouco mudou: sobre o Miño unha ponte histórica e un “comboio” prehistórico. Seica ninguén pensou nun servizo alternativo ao da vía férrea cando a autoestrada é continua entre Ferrol e Lisboa, eurorrexión polo medio.
Nestes días pecha o servizo do trenciño transmiñoto e dáse por seguro que os proxectos de alta velocidade ficaron para despois dunha crise económica á que non se lle ve saída. Entón láianse empresarios e rexedores municipais. E xorde novamente a cuestión de fondo: Lisboa-Porto-Santiago.
O nacionalismo portugués teme o eixo Porto-Santiago. O mapa do European Metropolitan Network Institute marca en azul escuro a mancha urbana continua do Eixo Atlántico. Lisboa fica fóra dela, é unha illa. A capital teme, logo, a profecía bufa de Fernando Venâncio en “El-Rei no Porto”… e a miseria dos tempos trae bos ventos ao “sonho de caravelas”.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 15/07/2011]

Share