Saramago dixit (A voo de tecla, 17/07/2007)

Mestre Saramago e Mestre Cela tiveron moito en común: escribiron un par de grandes obras e moita palla, malia o que acadaron o premio Nobel; desprezaron a galeguidade, casaron con moza negociante, foron españoleiros e, sobre todo, dixeron cousas para deixaren pampo o persoal.
A última de “don José” –a de que Portugal vaia rematar sendo “provincia española”– manda chover na Habana e está a provocar reaccións de todo xeito. Mais custa imaxinar moitos portugueses a aceptaren logo dos séculos unha condición de “Cataluña de segunda” en función do seu produto interno bruto. No momento en que pertenceren á “Iberia” que albisca o escritor sumido na distancia canaria, pasarían a sufrir a presión do sistema que mantén en garda o poder catalán e vai reducindo á nada culturas “menores” coma a galega ou a valenciá.
E pouca vantaxe habían tirar de tal situación os galegos que soñan a Portugaliza. Porque, para os portugueses que admitiren a integración dentro dunha constitución con Zarzuela e Pazo de Oriente, o Impaís Levitante (chamado por uns Galiza e por outros Galicia) non ía ser máis cá lembranza dunha orixe amoladora, algo así coma avoa mulata de “familia branca” na Hispanoamérica.
Mellor realidade xurdiría se Portugal fixese un exercicio de análise histórica e de organización territorial, para se organizar en comunidades coma as españolas, deixando de chamarlle ás súas terras da Gallaecia “o Norte” con medo da verdade. E, xa postos ás Unións, mellor sería Europea, que dá voz ás rexións.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 17/07/2007]

Share