Brasil, pés de barro (A voo de tecla, 20/06/2011)

Os Estados Unidos do Brasil é un anaco de Sudamérica con moitos climas e riquezas naturais soberbias. Ten 200 millóns de habitantes, xente nova, moita proporción de nenos e pouca de anciáns. Por todas partes ofrécese formación, regrada ou adaptada aos horarios de quen traballa. O coñecemento valórase. As universidades con prestixio son públicas. Hai un “vestibular” de acceso ao ensino superior que deixa entrar nel só quen ten preparación e vontade.
Con todo, o país emerxente ten corpo de aceiro mais pés de barro. Ameázano a violencia cotiá e a irracionalidade misticoide. Nel non se producen bestialidades de tortura e morte en masa como en México, pero levar unha “sacola” pola rúa implica probabilidade de roubo. Todos os días aparecen nos xornais casos de asaltos e asasinatos. A eles súmanse os de corrupción da policía.
O outro pé fraco é o da barafunda relixiosa: mestúranse catolicismo romano e crenzas africanas, santos cos orixás, como en Cuba. Os “espíritas” están asociados, dan palestras, teñen columnas de opinión. Reina a cartomancia. Hai un evanxelismo televisivo que fai sospeitar colectas para beneficio de predicadores.
O Brasil, a potencia industrial iberoamericana, non pode crecer máis cun 10% de millonarios e un 40% de pobres entregados ao crime e ás santerías. Quizais a educación mude todo: deixará de ser un país atractivo para os turistas amantes do risco e o esoterismo mais será un contrapeso ao poder da outra grande nación do continente, os Estados Unidos de América.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 20/06/2011]

Share