Um grande cozinheiro (A voo de tecla, 06/06/2011)

2011 é ano de centenarios, do ferrolán Ernesto Guerra da Cal e do mindoniense Álvaro Cunqueiro. Ernesto era tres días máis vello ca Álvaro. Decembro deste ano ha ser tempo das celebracións que cómpren a xenios de tal categoría.
De Ernesto Guerra da Cal a xente sabe menos en Galicia que polos mundos onde se fala –e se escribe– en portugués e en inglés. Pero Galicia débelle a Guerra moito máis que a Cunqueiro na hora de que se saiba que este Impaís existe, como parte integrante –mesmo orixe– do sistema cultural galaico-luso-africano-brasileiro.
Guerra era un grande defensor da galeguidade e da República, e moi intransixente en materia ideolóxica. Adoraba a Valle-Inclán por iconoclasta e anarquista (“alén de xenio absoluto”). Ignoraba a Torrente Ballester por “fascista”, a punto de non se trataren cando coincidiron en Nova York. Cara a Cunqueiro mostraba admiración enturbada pola “condición de falanxista” do autor de “Merlín e Familia”.
Non hai moito La Voz de Galicia trataba da homenaxe dos artistas da gastronomía a don Álvaro, mais o que non saberán eses cociñeiros famosos é como despachou Guerra a Cunqueiro nunha cea na Baixa lisboeta, en presenza dos profesores Carvalho Calero e Rodrigues Lapa.
–O Cunqueiro foi um grande cozinheiro –sentenciou–. Inventou um prato e viveu toda a vida dele.
Referíase ao realismo máxico. Que o profesor Guerra lle atribuíse a Cunqueiro esa invención pode ser un dos maiores méritos do narrador. Gloria haxan ambos, que ben a foron acumulando en vida.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 06/06/2011]

Share