Hecatombe enerxética (A voo de tecla, 28/07/2007)

Durante a Guerra Fría falábase a cotío da “ameaza de hecatombe nuclear”. Sobre ese concepto elaborouse moita ficción mais, ao final, o mundo superou tal hecatombe, polo que hai optimistas dispostos a aseguraren que a Humanidade é capaz de irse salvando de todo horror global.
Arestora repítense elaboracións sobre a “ameaza de hecatombe enerxética”, coma unha recente reportaxe da CNN con dúas partes, de ficción sobre o futuro e realista sobre o presente. Na primeira, datada en 2009, víase o mundo en paro por falta de combustibles derivados do petróleo. Na segunda mostrábanse cifras de crecemento da demanda de petróleo e gas natural fronte ás previsións de explotación de pozos, cantaban as matemáticas inexorables do esgotamento; e dábanse a saber os paliativos, as propostas para adiar unha crise global certa.
De novo os optimistas interveñen dicindo que a alarma non é xustificada, baseándose na superación (non absoluta) da nuclear. Pero se un pesimista é un optimista ben informado, e se o mundo anda polo impulso de pesimistas activos -non pasivos e abandonados á desgraza-, cómpre prestar atención aos que están nesta postura; e concienciarse de que só con disciplina social, sacrificio de caprichos e bo uso dos recursos naturais, da ciencia e da técnica, se poderá evitar o aparentemente inevitable.
Poida ser que non alcancemos a ver a hecatombe enerxética que nos pintou a CNN. Mais será así nun mundo diferente ao de hoxe; como diferente ao da Guerra Fría é o mundo que xurdiu vivo dela.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 28/07/2007]

Share