Fidel e Bohemia (A voo de tecla, 20/05/2011)

Marchou pero non se foi. O Fidel, vellote esvelto e doente, deixou o sitio ao Raúl, afillado do Fulgencio Zaldívar, sarxento que conseguira ser “Batista” e xeneral. Fulgencio non fusilou os irmáns rebeldes quizais por boa veciñanza entre Birán e Banes, lugares dos Castro e dos Zaldívar. Na Illa Feiticeira, cimentada con sangue galego, as cousas son así: propias do realismo mindoniense de don Álvaro.
Mesmo baixando da Sierra Maestra, o Fidel escribiu “A la Revista Bohemia un primer saludo después de la victoria, porque fue nuestro más firme baluarte”; e “Bohemia” fixo un editorial “Contra el comunismo”. Un dos grandes “infundios” da ditadura batistiana –di– fora vestir de vermello o movemento revolucionario que tiña por guieiro o doutor Castro. O heroe nacional anunciou que o novo goberno rexeitaría os réximes dictatoriais, o da Unión Soviética en primeiro termo.
Era xaneiro de 1959. Despois a revolución que vestía de verde oliva, non de vermello, foi fiel amante –ata a morte– da URSS. E aínda en 2011 Fidel, fillo do Ángel amigo do Fulgencio, cédelle a presidencia do Partido Comunista de Cuba ao Raulito.
Tras da vitoria castrista “Bohemia” durou libre moi pouco. O seu editor, Miguel Ángel Quevedo, saíu para os USA. Alí suicidouse no 69. Non quixo aceptar (e así o deixou escrito) o desastre que apoiara, mesmo comprando armas para a Sierra co asesoramento dun experto chamado Ernest Hemingway (que tamén se afastou do Fidel e se suicidou)… Como se ve, asunto cunqueiriano.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 20/05/2011]

Share