De volta á China (A voo de tecla, 05/04/2011)

Aínda que o Danubio, río grande europeo, non se poida comparar coa inmensidade americana do Prata, Budapest ten algo de Buenos Aires: ambas cidades son cultas e necesitadas da variña máxica que lles devolvese antigos esplendores.
O barco do congreso fai paseo de rigor entre ribeiras amenas de Buda e Pest mentres a conversa se desformaliza. A materia tocada formalmente fora as relacións de agricultura, silvicultura, mecatrónica, telemática e enerxía. Mais a rexouba, con viños que os húngaros coidan excelentes, leva á China, o grande consumidor. Pouco a pouco, expertos europeos, copa á man, pintan a próxima primeira potencia global: máquina fabril incomensurable, forza militar esmagadora, coñecemento recollido de todo o mundo e sublimado… pero cun punto débil: a poboación en declinio.
A China anda a pensar o que fai, mais polo momento xa avanza posturas: non máis nenos para adopción, e chamada á casa dos cerebros chineses que mandan en Europa e nos Estados Unidos. Só vai ficar polo mundo adiante xente súa a penas preparada para vender barato.
¿E que vai ser de tanta chinesiña adoptada en países sen nenos? Un científico español asegura que “todas elas van volver, polo atractivo que lles supón pertenceren á nación máis garrida do mundo”. Un colega polaco, aínda traumatizado pola opresión da URSS, pregunta que será dos adoptados rusos. O español é rotundo: “Eses non volven. Os rusos seguen a embebedarse con vodka mentres os chineses degustan colleitas enteiras de Champán e Borgoña”.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 05/04/2011]

Share