Montes de hidróxeno (A voo de tecla, 22/03/2011)

A produción de petróleo nos EE.UU. mostra unha curva curiosa: logo de anos en caída constante, agora medra. Vista a situación no mundo, e o valor estratéxico dos hidrocarburos, os americanos introducen novas técnicas (ben coñecidas polos noruegueses) para acadaren bolsas de cru que antes saía caro explotar.
Cada país ten o seu para enfrontar a grande crise anunciada: a da enerxía, sen a cal non sabemos vivir os afeitos ás comodidades da mecatrónica, o transporte e as telecomunicacións. O susto nuclear (que tan nerviosos ten os franceses: véxanse os telexornais da TF1, dedicados case en exclusiva ao desastre xaponés) fai pór en prezo as enerxías limpas e sostibles; e cadaquén pide axudas para colocar no mercado o que a súa terra dá.
De Galicia xa se sabe que os ríos deron –e dan– moito, que o vento vai dando, malia a súa irregularidade; que hai sol. Tamén se soña con ondas e mareas (esquecendo as correntes submarinas, rendibles e regulares). Asociacións de madeireiros, con Promogal á fronte, queren saber das posibilidades da silvicultura enerxética. Finalmente chegan avisos de algo único para fiordes, rías e “senos” (como se chaman en Chile): a enerxía osmótica.
Galicia –a piques de perder a súa entidade de aforro popular polos intereses de Madrid– ten que se concienciar da riqueza enerxética propia. E pensar que, se cadra, o vector electricidade debe ceder paso ao vector hidróxeno (como se pensa noutras rexións europeas ricas en enerxía e con máis sentidiño que o Impaís).

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 22/03/2011]

Share