De matrimonios

Ola a todos (e todas incluídas, insisto, pesado, porque escribo en romance ibérico occidental, con plurais conxuntos sen xénero).
Escribo en horas cansas, polo que xa pido desculpa por erros e grallas.
Hoxe escribo con promesa de escribir, por se a alguén (sen xénero: non me viredes co de alguén e alguenha, ¿non?) lle interesa. Fágoo así porque mo suxeríu o Ciprián Rivas, que debía ser Ribas, como Riveira, o seu concello, debe ser Ribeira (o betacismo galego –compartido co castelán naturalmente– leva a estes erros).
O Ciprián quere que conte o que vivo, penso e sinto:
Velaí. Hoxe atopei no hospital un suxeito benquerido, o Xulio López Valcárcel. Os dous iamos por avarías menores e, mentres esperabamos, estivemos falando da estrutura social das pampas arxentinas, de gauchos, chinas e outros personaxes de ‘Don Segundo Sombra’. Tamén falamos de matrimonios canónicos e civís, dos que o grande poeta (e non obstante avogado) tanto sabe.
Ficamos para falarmos da igrexa católica e a súa capacidade de manexar o que os cregos (poucos pero resistentes) chaman “alma”. Quedamos de acordo en que os padres curas se meten contra os astrólogos, dicindo que a astroloxía é unha ciencia falsa, baseada no nada; e que o fan co descaro de ocultaren que a teoloxía, que eles tanto defenden, se basea só nunha invención…
Volvendo ao Ciprián. Falando con el dun vello matrimonio, contoume o estado en que se acha: o home doente de leucemia, a muller coa cabeciña perdida. Propuxéronlle ao enfermo consciente trasladar a inconsciente a un hospital xeriátrico e negouse. “Non mentres eu viva –dixo–. Levo con ela sesenta anos e, así como a vedes, aínda me fai compañía”.
Seica lle fala, “porque, se cadra, algo me entende a min”.
Xulio, que tantísima liorta matrimonial viu, débenos un libro dos seus, cheo de emoción, sobre os porqués de que uns matrimonios sexan perpetuos e outros rompan axiña. Da poesía á prosa hai un salto mínimo. Ánimo, Xulio.
Boa noite e felices soños a todos (todas incluídas).

Share

2 Comments

Comments are closed.