ABC de Madrid, Araguas e Guerra da Cal

Ola a todos. Non pensedes que os case emigrados, a quen o Xavier Queipo chama “emigrantes” (emigrantes a medias) e eu comezo a chamar “esquizomigrantes” (pois acabamos algo esquizofrénicos), andamos desconectados do Impaís Galego. Non. Temos a orella posta, e o ollo, porque a Interrede (¿por que diaño temos que dicir Internet?) nos permite acceder aos servidores da Arañeira Global (¿por que demo temos que dicir web?). Escoitamos a Radio Galega e lemos os xornais do país por ese medio.

Por eso recibimos aquí en Flandres a nova esperada da concesión de novas licenzas de radio en frecuencia modulada. Fixo a presentación o Afonso Cabaleiro, hoxe en cargo político de altura mais, no fondo, home da radio, onde el e eu nos coñecemos cando eu era director técnico da Compañía de Radiotelevisión. O Cabaleiro –que é un cabaleiro– argumentou a favor da normalización do galego. As emisoras de orixe local non dependen do que lles chega de Madrid en cadea, en castelán mal falado, “leísta” e “laísta”, no que un verbo non transitivo como “cesar” se converteu en transitivo (“al ministro Tal le cesaron”).

O patético do asunto foi a noticia que deu o xornal madrileño ABC ao respecto. Como no caso xa histórico do conselleiro de Cultura e o Desván, funcionou a tradutor automático para o comunicado da Xunta e chegouse a unha situación propia do tempo en que estamos, o Entroido carnavalesco, esperpéntico. Sinalo asneiras da tradución automática: o concello de Carballo pasa a ser “Roble”, o de Ordes, “Órdenes”, o de Trabada, “Mordisco”, o de Viveiro, “Vivero”, o de A Estrada, “Carretera”. Mesmo hai un “Desfiladero” irrecoñecible.

Quizais haxa alguén que diga que os xornalistas traballan ás marchas forzadas, que están pagos miserablemente etcétera, mais nada xustifica esta nova mostra de estulticia xornalística. O curioso é que a noticia vén asinada por algún traballador do ABC –se cadra o seu correspondente delegado– en Santiago de Compostela. ¿E logo este suposto profesional da información non foi capaz de repasar o que lle entregou o tradutor automático? ¿Non tivo tempo?
Nos países serios, cando alguén fai tamañas cagadas, pídese a súa destitución. Cómpre que sexa destituído para que cese nas súas función. Tamén nos países serios, quen manda en quen comete erros de vulto asume a súa responsabilidade. Na función ridícula que nos ocupa, é imprescindible sinalar que o director do ABC é un xornalista galego, galeguista ao seu xeito (tocado de dereitismo españoleiro), que mesmo mantén o seu nome galeguísimo, Bieito, malia que persoas de súa propia familia lle chamen “Benito” (a diglossia tremens do Impaís é para exemplo mundial de socio-lingüística).

En fin, aproveitando que o amigo Bieito é de Cedeira e Cedeira está a carón de Ferrol no mapa, tamén vos direi que no avión atopei o Vicente Araguas, que viña de Ferrol todo formalísimo e cunha insignia ferrolá de moito peso. Viña da homenaxe que lle fixera a Sociedad Artística Ferrolana, outro agasallo máis dos que recibe como “embaixador da Ferrolterra”. O atraso no aeroporto deu para que o grande cronista da “cidade departamental” me ilustrase sobre asuntos que producen aínda –logo de setenta e cinco anos– unha reacción propia dos que non se desprenden da mala conciencia familiar. Os descendentes dos que mataron non queren saber –coma min e o Vicente– das historias da barabarie.
Vicente é un perigo con pernas, porque sabe todo das nosas vidas (a min hai anos recordoume a vez en que nos atoparamos co Andrés do Barro na cafetería Avenida da Praza de España – Porta Nova– ferrolá para discutirmos se a canción galega había ser combativa ou baladista. Segundo mo contaba, revivino). O Araguas de Xuvia-Ferrol é perigoso por tanto como sabe, pero non o sabe nin usa para rexoubar no baleiro: ten unha conciencia de pobo abraiante. Esculca e lembra en función da sociedade que nos fai ser como somos. Agora seica anda a remoer unha secuela do seu Voces Ceibes (libro de memorias) que a tanta xente deixou “no seu sitio”. E prometeume dar á luz as interioridades de dramas coma o do fusilamento do almirante Azarola, fiel á República no aciago xullo de 1936 (por certo, non hai moito coincidín no Cervantes de Bruxelas co Ángel Viñas e contoume que está a escribir o día a día do Glorioso Alzamiento: eses momentos en que “Franquito” ou “Paquita” –dependendo do colega que menos lle quixese– se fixo co poder, cun exército propio e indiscutible trasladado pola Mariña alemá).

A verdade é que eu tamén lle dei datos ao Vicente sobre o xeneral Cerillita (coñecido como o Xeneralísimo Franco fóra de Ferrol) e a súa relación con persoas que eu quixen ben e foran parte da miña familia “extendida”. Calquera día voulle dar copia dun documento que –tres xeracións despois da activa durante os feitos bestiais do 36– non se queren deixar publicar.

Foi, coma sempre, un encontro inesquecible (o anterior fora o 31 de decembro do 2010, na casa do escultor Patinha. Alí estaban, entre outros o Miro Casabella, cantante de Voces Ceibes, a súa muller flamenga e nacionalista neerlandesa, o Xosé María “Morito” Dobarro –que ama Cuba e o castrismo malia as miñas advertencias– e o Carlos Fernández, que algún día me ha de contar a súa vida de fotógrafo e panadeiro).

Esperemos que a natureza non nos dea moitas sorpresas e cheguemos a poder contar a Historia do mundo desde Ferrol. Xa dicía don Gonzalo Torrente parafraseando a Graham Greene: “Ferrol me fecit”. Ao Araguas –bisneto do Caldeireiro, tan industrioso– e a min, fillo do aluvión ferrolán, Ferrol tamén nos fixo diferentes.

E remato, ferrolanamente, insistindo en que o 2011 é o ano do centenario dun ferrolán universal, famoso por aquela intervención súa na televisión brasileira en que o presentador dixo “Cá o Professor Ernesto Guerra da Cal, que insiste em ser chamado de galego” (téñase en conta que os galegos no Brasil son os louros, ou a xente bruta, “portugas” do norte). O seu bo amigo e ferrolán Ricardo Carvalho Calero (como el gustaba de grafar) pasou o centenario oficialmente esquecido (as pantasmas de Piñeiro e Filgueira Valverde a botar sombras sobre a figuriña de don Ricardo). Seica o 2010 era o centenario doutro ferrolán xa mencionado, coetáneo e compañeiro: don Gonzalo de Serantes (ou da Cabana de Santo Antonio, mellor). O 2011 é o centenario do mestre que nos trouxo o Mago Merlín ás terras de Meira. Pero non esquezamos, por favor, esa figura xenial do Guerra, que proxectou no mundo anglosaxón a Eça de Queiroz e Valle-Inclán.

Un por certo: Guerra dicía que o Cunqueiro era un fascista e eu estaba presente, con Carballo Calero e Rodrigues Lapa, a noite en que dixo “o Cunqueiro foi um grande cozinheiro: inventou um prato e viveu toda a vida dele”. Referíase ao realismo máxico.

Share

2 Comments

  1. Carlos

    Señor Alcalá:
    Non me foi moi dificil “descubrir” que concello está detrás “Desfiladero”. É…FOZ

    Creo que no ABC deberon utilizar o mesmo tradutor que na Consellería de Cultura: o da Xunta (http://www.xunta.es/tradutor/text.do)

    Probe a introducir a listaxe dos nomes dos concellos e verá que “cousa máis pavera” devolve.

    Cos mellores cumprimentos.

Comments are closed.