¿Outro século fascista? (A voo de tecla, 07/03/2011)

A nova espallouse por Francia coma o lume: Marine Le Pen, filla do Jean-Marie, acadou unha intención de voto do 23 % para as próximas eleccións presidenciais, seguida polo Sarkozy e a candidata socialista, ambos cun 21%. Moi após deles virían figuras como De Villepin, que tan bo castelán fala.
Como din os brasileiros, “filho de peixe, peixinho”: a rapaza do Le Pen semella ben o pai. Ambos son acorporados –fóra xénero e idade–, amables na curta distancia (por exemplo, no restaurante do Parlamento Europeo) e inflexibles na postura que leva aos tempos en que nacera o vello. Corenta anos máis nova ca el, Marine fai lembrar a Europa do fascismo.
A quen siga os feitos europeos de hoxe, cómprelle ler “O nosso século é fascista!”, obra monumental de Manuel Loff, na que este profesor do Porto fai comparanza dos fascismos español e portugués integrados nas correntes que varreron a Europa e aguantaron na Península pola lonxevidade dos ditadores. O da Francia actual, o da Alemaña ás caladas, o de Flandres, a Holanda, a Suecia… indica unha tendencia do século pasado: Europa para os europeos, un eixo forte, agora –franco-alemán– a gobernar todo, África como fonte de recursos minerais, Iberoamérica para españois e portugueses…
Por certo, como documenta Loff, os nazis coidaban que España debía ser “racionalmente dividida segundo as súas razas”. Nesa racionalización racista Galicia pasaría a unirse con Portugal (curioso anticipo de eurorrexión); Cataluña e o País Vasco serían independentes.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 07/03/2011]

Share