O pantano de Madrid (A voo de tecla, 22/02/2011)

Madrid está irrespirable, o proído nos ollos lembra o da cidade de México. Unha espera longa en Barajas tensa os nervios dos viaxeiros á Coruña. Dúas mozas de vestir algo charramangueiro e vocabulario de executiviñas largan teoría económica: os galegos imitan os cataláns, “y ya nos llega con ésos”. A rexouba vai caixas: Galicia non quere renunciar a unha entidade financeira galega e sen ánimo de lucro, “Y es que no, hija, no. O sea, ya me entiendes”.
Polo túnel cara á máquina voadora, daquelas bocas atrevidas saen frases sobre “dirección regional” e “axencias” que lles ispen o choio: un grande banco español con proxección mundial. As caixas de aforros son molestas para o seu negocio de captación de pequenas contas. Rodrigo Rato –di a máis deslinguada– decatouse, e vai montar un banco para defender Caja Madrid.
Xa voando continúa o cacarexar antiperiférico e bancario. Un veciño de asento, amolado, failles unha pregunta directa:
– ¿Saben vostedes o que significa Rato? –fican perplexas e o veciño segue–: Élles un apelido galego, ou asturiano, de animal totémico: “Ratón”.
Faise un silencio na ringleira de asentos. As mozas miran a xeografía magnífica do Arco Ártabro. Ao cruzar a ría de Ferrol cara ao Alvedro, non vendo a bocana, a menos falangueira atrévese:
– Caray, qué pantano tan grande.
Tan grande como para que en Reganosa poida amarrar un gaseiro. Pero así son os do Madrid apantanado, que confunden ríos con rías. E o malo é que son moitos: ben máis que todos os galegos xuntos.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 22/02/2011]

Share

2 Comments

Comments are closed.