Madame Bovary a 1,90 (A voo de tecla, 09/02/2011)

Librería de cadea francófona. Na zona de clásicos e consagrados, “Madame Bovary” e “Le salaire de la peur”, o un de intimidades amatorias, o outro de aventuras brutas e ambos unidos por liña editorial con nome inglés: “Pocket”, non “Poche”. Son libros de peto; o texto de Flaubert véndese por 1,90 euros; o de Arnaud, por 4,70. “A señora Bovary” está libre de dereitos de autor, hai tanto falecido, mais o autor de “O salario do medo” morreu aínda en 1987.
Son libros baratísimos; e fan pensar nun contraataque ás propostas en modo dixital. O chamado libro electrónico non dá arrincado. Próbanse dispositivos e líganse a ofertas de textos con diversas posibilidades. Hai medios de presentación especializados, só para lectura, como tamén ordenadores de propósito xeral con prestacións especiais para ler. Pódense “follear” os textos, descargalos na máquina para ler ou solicitalos impresos en papel. Aínda máis, agora xorde a proposta de acceder temporalmente á lectura de textos servidos na web, sen descargalos.
Mais non se dá perfilado o novo xeito de recibir Literatura; porque non se aclaran os prezos. ¿E como se fixan os prezos dun produto novo e inmaterial?
Arriscando. No mundo novo da escritura, a edición e a lectura só van aguantar empresas con capital dabondo para probaren e corrixiren. Velaí o acontecido en vinte anos de telefonía móbil: é un bo exemplo de dispositivos e servizos relacionados (que engrena co do texto dixitalizado pois “androids” e “iphones” serven para ler libros).

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 09/02/2011]

Share