Triglosia tremens

Boas noites a todos: vou ser breve, non vos preocupedes. O caso é que hoxe me cadrou soportar o discurso dun –autocualificado– loitador antifranquista, enraizado nas batallas do 68 compostelán (previas, como sabedes ás do maio francés do mesmo ano).
Contoume que el sempre fora castelán-falante, “como tantos gallegos galleguísimos”. A súa muller –coitada–, non, porque é de aldea. Pero estudárona e deu en profe de galego. O caso é que, segundo este señor, na súa casa sófrese de triglosia. Coidei que me ía falar de saltos entre tres linguas con clara definición, pero non: seica a súa muller fala “galego espontáneo” da aldea, castelán (con el e cos fillos) e mais “xunteiro”, o que se ve obrigada a ensinar no insti.
Non houbo maneira de convencelo de que “cairos” é a forma galega de “colmillos”, de que unha cousa é o castrapo e outra o galego, e da conveniencia de limpar o galego castelanizado.
Que non, que non: que se trata de inventos.
Tampouco me deu explicado por que a muller nunca lles falou sequera “galego espontáneo” aos fillos. E ollou para min con cara de estar vendo marcianos cando lle descubrín que o primeiro idioma da miña muller é o inglés e que lles falou galego aos pequenos ata que xa estaban instalados na lingua do Impaís. ¡Non lles falar inglés aos nenos, podendo facelo! ¡Mai desnaturalizada, blasfema!
O personaxe descrito é membro do PSOE que din de Galicia, e fíxome unha cita en francés do xeneral De Gaulle, o da “grandeur”. Ese perdedor de guerras seica dixo que “unha provincia non fai unha nación”. Tamén me asegurou, rotundo, que o latín non foi imposto polos romanos senón acollido agradecidamente polos conquistados.
Cando saín de tal entrevista, no coche, tiven que soportar o a voz aguda, furadora de oídos, do Aznar: dicía que España non pode competir no mundo querendo ser dezasete estados.
Coido que a uns e a outros, deep in their hearts, o que lles gustaría é que houbese un só estado: Madrid; e unha soa lingua: o madrileñata. Aí hai consenso.
¿Como pensades reaccionar á confluencia de astros que se aveciña tras municipais e xerais?
Admítense suxestións.

Share