Académica inutilidade

Ola a todos os que andades navegando pola web. Cun mes de atraso sobre a data dos meus propósitos (era a cabalística 1.1.11) e por insistencia da Tati Mancebo e o Alfredo Ferreiro (Deus lles pague a paciencia), inicio disparos desde a trincheira de Blogaliza. E, como isto é unha guerra, podedes disparar de volta.
Ben: a cousa é que leo os xornais atrasados cando volvo ao Impaís das miñas estadas no centro de Europa e este día atopei en LVG que a Academia Galega (aínda Real, e Borbónica por tanto. Por certo, ¿seguiuse a chamar así durante a II República?)… Como dicía, cheguei á casa e vin nese xornal a nova da academia sobre a gramática e o dicionario de apelidos galegos.
Interesante. Xa lle dera eu a malleira ao Ferrín co dos apelidos, que teño teima con eles (e o Martin Pawley rise dela). O caso é que todo vai ser inútil.
Veredes: a velocidade de putrefacción do galego supera con moito os esforzos dos gramáticos. Cando se remate a gramática académica do Ecce Homo dos idiomas xa non haberá volta atrás nos horrores, e a academia –se tal é– terá que sancionar o que se escoita:
Xente que sempre soubo diferenciar os pronomes “te” e “che”, agora só di “te”. Hainos mesmo conscienstísimos do idioma, escritores. Un deles non hai moito que se me desculpaba por culpa do portugués. Mentira, colega: perdoa, pero o que fala portugués a cotío son eu, e non me confundo, ho; déixate de lerias e de loitar contra as ordes do Feijó (que así se debería escribir para pronuncialo Feixó). Deixádevos de loitas teóricas e manifestacións e mirade como morre o galego nas vosas propias bocas.
Caramba: que un amigo de vello, escritor galardoadísimo, ultimamente sempre pon a preposición “a” despois dos verbos “ir”, “vir” e “volver”. Eu repito as frases na conversa sen “a” e o home non me colle o aviso.
E manda truco unha defensora á morte do galego, que mesmo “galeguizou” un apelido con xis cando nunca o tivo, e agora me ven pronominalizando todos os verbos non ao estilo castelán senón ao madrileñata: “báixaste da web…”, “leste o libro…”
E non vos quero dicir a chea de veces que membros da AELG e da Academia xa din o que nunca dixeran: “Estos” en lugar de “estes”. Aínda non hai moito escoitei un escritor dicir “istos”, que soa máis enxebre…
Vale xa, ¿non? Valle-Inclán débese estar esmendrellando co esperpento que montamos. Porque, ¿quen diaño fala galego? A muller dun dos maiores castelanizadores do portugués, don José de Lanzarote, díxome na feira do libro de Buenos Aires: “Ehque el gallego eh portuguéh mal hablao”. Un escritor arxentino opinoume nos fociños que “El gayego suena a cahteyano mechado de palabras portuguesas”. Hai pouco unha diplomática definíame o galego como “portuñol mal pronunciado”… E vós preocupándovos polo trilingüismo da Xunta.
Canto ao dos apelidos, ao que lle dedicaremos notas desde a trincheira (co permiso do Pawley, que anda polas estrelas), adiantemos hoxe que os galegos son unha xente ben curiosa: facer agora un dicionario de apelidos cando o Grande Patriarca das Letras nin sequera foi capaz de usar Outeiro como nome literario… En fin, que non mude o apelido –de Lorenzo para Lourenzo polo menos, se non Lourenço, que así está nos papeis antigos– o Gran Normalizador do Impaís (nin o Gran Demotizador do Inidioma, don Ramón de nome como o Pedrayo).
Que non, camaradas. Que as cousas non son como as pensan os académicos. Que foron. Que puideron ser se o miope don Ramón (Piñeiro), o miñaxoia aparente do Filgueira (ollo, aviso: os dous tratáronme moi ben cando era rapaz), o asturiano que o demo levou tarde e o Lorenzo, todos xuntos, non desen vencido a idea do Carballo de Ferrol, da rúa de San Francisco, por máis sinal (¿Vistes o consenso en ignoralo, coa vosa aceptación e falta de protesta?).
Pero venceron, e Galicia seguiu o seu camiño provinciano, de provincia española, de mariscaría de Madrid…
Canseime. Mañá, ou calquera día, escribo outro anaco.
Por hoxe, boa noite, bo sono e felices soños (ah, por certo outra vez: vin que unha escritora –“poeta da cona” segundo ela– non sabe distinguir entre sono e soño, e di que anda moito por Portugal, onde si distinguen eses termos porque non pensan en castelán. Espero que a colega alá nunca diga “grelo” en singular porque así é como –bastamente– lle chaman ao órgano xenital das damas do que ela fai poesía. Cando se trata de comida, cómpre sempre falar de “os grelos”)

Share