Copaguemos o Sergas (A voo de tecla, 27/01/2011)

Cómpre felicitar o SERGAS polo avance da receita electrónica: a dispensación en calquera farmacia de Galicia cun plan de fornecemento pautado. Ora, sería bo que o sistema telemático se comunicase cos dispositivos electrónicos do paciente; e que se aclarasen cuestións de idioma: ¿por que os documentos aparecen en castelán? ¿Por que “e-receita” en lugar de “receita-e”? En lingua romance non se di “electrónica receita” senón “receita electrónica” (o de “e-Administración” é latinamente intragable).
Ben, alén de felicitacións e críticas, seica os usuarios do sistema de saúde pública non se decatan de que o SERGAS subministra os medicamentos en réxime de copago. Afixémonos a pagar unha porcentaxe e fóra: pagamos. Mais, sen embargo, ármase un barullo do demo maior cando se fala de copagarmos consultas e intervencións médicas. Todos queremos resposta inmediata do sistema, pero non soltarmos un céntimo pola atención dos profesionais.
Son moitos os galegos que pagan pólizas de seguro médico privado “para evitar lista de espera”. Ou sexa que, para estar ben atendido, quen pode mantén dous tributos á saúde; e, implicitamente, fai copagamento.
¿Cal é o total desas pólizas en Galicia? ¿Por que non se transfire en parte ao sistema público? ¿Por que non copagamos todos algo ao SERGAS para acabarmos con esta situación discriminatoria? Iso nada ten contra o exercicio libre da Medicina nin contra a beneficencia aos carentes… En fin: tempos de crise dan para grandes solucións socio-económicas.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 27/01/2011]

Share