Berlusconi & Cia (A voo de tecla, 11/01/2011)

Para saber como chegaron a onde están os que pasan á Historia, ás veces abonda cunha anécdota. Velaí:
Xardíns de Monza, hai vintecinco anos. Xantar en día luminoso. Xunta conversas un tipo de cabelo acaracolado, que rexeita exquisiteces culinarias do norte italiano para comer legumes mollados nun sinistro prebe verde. Chámase Valeriu (Valerio en España) Lazarov. Está rodeado de enxeñeiros da Fininvest que dan explicacións a uns enxeñeiros españois acompañantes do director xeral dunha compañía de televisión.
Cando o xantar xa vai avanzado, aparece un suxeito repeiteadiño, largo de ombros, baixote, simpatiquísimo, teatral, que se desculpa por chegar tarde e explica algo do “Milan” e do “calcio”: ou sexa, do fútbol. Valerio, o romanés españolizado, pásalle o mando da conversa e ao pouco o evidente “capo” explica como se consegue en Italia montar unha cadea de televisión nacional partindo de emisoras rexionais ás que a lei non deixa xuntarse: sincronizando a programación, mandando en moto por todo o país os telexornais gravados para seren emitidos á mesma hora.
Daquela, un dos enxeñeiros españois, que traballara nunha empresa italiana e manexa o idioma do histrión, pregúntalle como conseguiu completar a súa rede de emisión coa orografía complicada e a dispersión poboacional da península itálica.
A resposta é algo semellante a “Noi abbiamo un transmettitore a ogni campanile d’Italia”. Xenial: para dobregar a RAI, en cada campanario, un emisor. Non hai como empezar en boa compañía.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 11/01/2011]

Share