Haití, imposible (A voo de tecla, 09/11/2010)

Hotel que foi centro de relaxo do “Chapitas” (Trujillo, o das medallas). Moita clientela mulata clara, enxoiada, a falar francés; empregados máis escuros a falar crioulo. Jean, o das hamacas, di que a República Dominicana está chea de haitianos, ricos e pobres. Alén da raia debuxada no mapa había dez millóns de persoas que foron destruíndo a natureza ata crearen un deserto. Aquén viñeron tres millóns (¿será posible?) despois do terremoto. Entre dominicanos vagan eses tres millóns, máis escravizados que nunca.
Santo Domingo, rúa El Conde: dunha obra saen homes negros cubertos de xeso branco. Seica traballan polo que lles dan; e, se protestan, ¡fóra! Porque non teñen papeis. Aquí os haitianos pobres non existen. Nos tempos do Trujillo traíanos para as zafras da cana e botábanos ao terminaren. Como se resistisen, ¡tiro! Din que o Chibo Chapitas matou máis de sesenta mil (¿será posible?)
Catrocentos dólares ata Port-au-Prince e volta; máis o visado na fronteira; máis o que haxa que dar de retorno, porque, despois de ver a destrución e os campamentos, cómpre ir untando as patrullas que non deixan volver a territorio dominicano.
O taxista fora camioneiro. Levando cemento dunha ONG para a reconstrución, secuestrárono do lado haitiano. Os captores esixiron dez mil dólares por el e o vehículo; a ONG pagou o rescate; puido volver co camión, mais baleiro porque o cemento desaparecera… “Haití é imposible”, resume con voz de chumbo, sen dar opción á esperanza. “Fágame caso: imposible”.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 09/11/2010]

Share