A guerra das baterías (A voo de tecla, 07/10/2010)

En “The Voyage of the Beagle” Darwin describe “paisaxes eternas”, polo invariables, como son as paisaxes andinas do litio. Desde o Alto Perú á Patagonia, alá onde sol e vento arrasen, xorden os “salares”. Mascando coca ou sorbendo mate, das alturas da Puna ás depresións do Chubut mal se atura o brillo do sal nos lagos secos. Os “padres adelantados” do século XVIII quixeron monopolizar a súa extracción para pagaren as misións, e daquela non imaxinaban o automóbil eléctrico…
Bruxelas, xuntanza ao máximo nivel sobre I+D+i para “bioeconomía”: todo renovable, coches eléctricos no programa. Nos descansos fálase da “guerra do litio”, das reservas do mineral, da riqueza da Arxentina que ten de todo: petróleo, gas… e sales de litio, agora tan importantes. Vai haber unha guerra mineira por culpa das baterías dos coches.
Pero, ¡ollo!, que na conferencia se está a falar xa de acumulación de electricidade en baterías de substancias renovables, non de minerais “eternos”. Si, mais, en canto se investiga neses acumuladores, o coche eléctrico anda nas rúas.
Acéptese o feito con parabéns no outono do 2010. Ora, esíxase dos fabricantes de coches unha “normalización proxectiva de baterías intercambiables” para que a guerra sexa só comercial. Lémbrese o acontecido coas memorias de ordenador: como medraban en capacidade mentres minguaban de tamaño. E téñase en conta que un coche eléctrico custa moitísimo máis, e ha de durar moito máis, que un ordenador. ¿Ou non imos cara á bioeconomía sostible?

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 07/10/2010]

Share