Tecnoloxías con marisco (A voo de tecla, 09/09/2010)

Nota telegráfica, case sen metadatos: La Voz ocupouse do Congreso da FITCE, máximo organismo colexial das telecomunicacións europeas; tamén, da Noite Galega das Telecomunicacións. Fixo xornalismo.
Mais velaí a intrahistoria: o Congreso desenvolveu as xornadas técnicas en inglés. As benvidas e discursos do Congreso e a Noite fixéronse en galego, con tradución escrita ao inglés. A peculiaridade lingüística de Galicia levantou admiración e curiosidade entre os visitantes de alén dos Perineos. Os cataláns aplaudírona. Boa parte dos outros españois, tamén.
Mais houbo un núcleo duro madrileño que se ofendeu. Na cea da Noite escoitáronse frases ao xeito de que Galicia vive de moca por conta de Madrid pois non ten empresas, só vellos. Ninguén fala galego. O galego é un dialecto do español. Non se debe dicir “castellano” senón “español”. Se España fose un país serio, faríase como en Francia: non ficaría nada de dialectos. Os dialectos só se manteñen porque os pagan “las autonomías”.
O curioso é que a voz máis alta dos madrileños ofendidos fose dunha rapaza republicana. Curioso tamén que a ofensa se producise logo dun continuo agasallo de manxares e viños da terra. Convidados cheos coma pipos na Marisquería de Madrid largaron a lingua a pacer para irritaren os indíxenas: seica –dixeron– sectores industriais galegos coma o da alimentación, o téxtil, o enerxético ou o propio das TICs nada son. E, como dato final, ningún dos gozadores de vieiras sabía o nome castelán do molusco: “venera”.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 09/09/2010]

Share