Filantropía científica (A voo de tecla, 31/08/2010)

Hai pouco La Voz publicaba unha grande nova no eido tecnolóxico: un avión con piloto voara 26 horas propulsado por enerxía eléctrica. Quen voe a Bruxelas ha ver no aeroporto a maqueta desa marabilla e anuncios de células fotovoltaicas da compañía Solvay, que pagou a aventura.
Quen pasee por Bruxelas, logo dará no emblemático Hôtel Métropole. Alí, ao pasar do café á recepción, está a foto famosa que reúne as grandes cabezas europeas da Física e a Química do século XX (Einstein, ben recoñecible). Ernest Solvay, que xuntou tales sabios, non só se fixo inmensamente rico coas súas empresas químicas senón que se preocupou porque ás Ciencias non lles faltase o fundamental: diñeiro. Ido deste mundo, deixou para a posteridade institutos, escolas superiores, unha fundación e un espírito: o de vencer dificultades investigando e aplicando o coñecemento científico…
De novo na “rentrée” do Impaís, escóitase o laio eterno das universidades e os investigadores: faltan cartos. Mais non pensemos que o problema, por ser agudo en Galicia (en xeral, en España), non é común a todo o mundo. De feito, existe un “Foro Europeo sobre Filantropía e Financiación para a Investigación” que se vai reunir en decembro. Con todo, volvendo ao caso galego, ¿como non xorde aquí ningún Solvay? Galicia ten industrias que xeraron capitais comparables ao do magnate belga. O raro é que ninguén se queira ver perpetuado en inventos coma o do avión fotovoltaico, cando a vaidade creadora voa moito máis alto que o diñeiro.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 31/08/2010]

Share