Enxebrismo internacional (A voo de tecla, 27/08/2010)

No último número da revista “Grial”, Fernando Venâncio escribe encol de “Uma nova proposta portuguesa para o léxico galego”; mais quen vaia á procura da “lusificación do galego” nese pequeno ensaio non vai achar o arranxo que algúns soñan, senón un conxunto de suxestións cheas de respecto, feitas por que coñece a fondo a lingua que se fala desde Burela a Tui.
O profesor Venâncio, nado nas ribeiras do Guadiana, formado en terras bracarenses e lisboetas, doutorado na Holanda, sabio nas formas do neerlandés, pode deixar de boca aberta a moita xente. Bate nos gramáticos da Lusofonía por esqueceren unha lingua común galego-portuguesa ata fins da Idade Media, di que Rodrigues Lapa estaba errado cando propuña o portugués como forma superior do galego culto e malla en Saramago, castelanizante ata a medula, mesmo ata tocar na sintaxe. Coidado con quen pode proporcionar un dos maiores praceres intelectuais da capital dos Países Baixos: o de camiñar ao longo dos canais remexendo na lingua común de tantos pobos en Europa, África, Asia e América. Venâncio é un suxeito chocante.
Mais quérelle moito a Galicia, e emociónase cando descobre como no galego se preservou o que en portugués se entregou ao castelán (por exemplo, treito por “trecho”). Considera o galego no cerne do galaico-portugués, e no seu longo artigo en “Grial” fala de “Um enxebrismo internacional”… Agora cómpre que se lle entenda o concepto e que se saiba realizar. Por falta de consello non ha ser: velaí un amigo en Amsterdam.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 27/08/2010]

Share