Aprender en Melide (A voo de tecla, 11/08/2010)

No pasado xuño, entre os actos xacobeos, viviuse en Compostela o encontro de literatura de viaxes LITVI. Nunha mesa redonda falouse do contraste de “Peregrinação” e “História Trágico-Marítima” con “Viagens na Minha Terra”, do exótico co inmediato.
A Consellería de Cultura mantén unha iniciativa, Letras Vivas, que fomenta as viaxes dos escritores pola terra que lles dá a substancia literaria. Os encontros cos lectores son un exercicio de aprendizaxe. Por exemplo, unha señora en Dodro comentoulle a un narrador que as novelas veñen sendo coma as tortillas: saen ben cando patacas, ovos e aceite son bos e se sabe dar volta á mestura na tixola.
Nas festas de Melide houbo encontro de Letras vivas, encol de cadernos e crónicas de viaxe, textos ad hoc e novelas baseadas no viaxado. Serviu para aprender sobre a ignorancia de certos peregrinos a Santiago: “¡Mira cómo habla!” exclamaban ao escoitaren o discurso da alcaldesa na feira do libro, pois quizais descoñecesen que o galego existe.
Melide deu para conversas ricas. Falouse do experimento de pór unha rapaza brasileira, que descoñecía a existencia do galego, nunha casa onde só se falaba a lingua do país. Resultado: a moza “adorou”. E tamén sobre o apelido Porca, ofensivo ao parecer. Un lingüista desas terras belas deu solución: é toponímico, de lugar de porca, mais non femia do porco senón brétema. Hai veigas sombrías que levan ese nome porque nelas se manteñen os vapores… Unha vez máis pagou a pena penetrar no Impaís cheo de cultura.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 11/08/2010]

Share