Racismo en Cuba

Dicía o Jorge Amado que el era «um branco da Bahía», pondo en dúbida así que non tivese algo de negro. E á Bahía Mulata de Todos os Santos foi procurar paz definitiva un dos pretos máis castigados da africanidade americana, Carlos Moore.

Moore procede do grao inferior da escala racial cubana: «negrito pichón», fillo de inmigrantes de Xamaica. No lugar onde naceu, crioulos e «gallegos» eran primeiros, «guajiros» (labregos descendentes de español) despois; e aí comezaba a batalla: quen era máis claro entre os mulatos. Na base da pirámide social ficaban os negros, mesmo tendo máis posibles que un guajiro.

Carlos Moore tivo a sorte de emigrar a Nova York, onde entrou en contacto co «Black Power». A súa mentora foi Maya Angelou, musa «afro» de tanta arte. Nesa altura triunfou o Fidel e o Carlos volveu a Cuba, cheo a ansias revolucionarias. O Comandante decretara que no país xa non había máis racismo. Mais a dignidade do Moore levouno a denunciar que nada mudara; e daquela foi enviado a un campo de reeducación. Despois foi tratado como un «gusano» máis… ata acabar nun exilio militante, exemplar, por medio mundo.

Co tempo, feito figura de proxección internacional, intocable, volveu a Cuba; para comprobar como compañeiros seus de protesta contra o racismo revolucionario acabaran no manicomio ou no suicidio…

Ben, fronte ás propostas de lectura «light» do verán, unha alternativa que xa dera Juan Goytisolo hai meses. Léase: «Pichon, Race and Revolution in Castro’s Cuba». Inesquecible. (La Voz de Galicia, 7/08/2010)

Share