Alianza latina (A voo de tecla, 30/07/2010)

Xosé María é ferrolán, economista. Sen embargo, ten unha capacidade natural que o levou a ser intérprete na institucións da Unión Europea. Interpreta portugués, castelán, francés e italiano; inglés, neerlandés, alemán e sueco. Agora anda estudando polaco para se introducir nas linguas eslavas. Profesional dese campo, insiste en que un debe aprender idiomas por afinidade, por grupos…
Hoxe o inglés varreu o francés dentro das relacións da UE. ¿A razón para iso? Seica é o peso socio-económico dos falantes de linguas xermánicas, que doadamente aprenden a dos “curmáns” británicos. Os flamengos enténdese moi ben cos suecos a través dun inglés correcto.
Contrariamente, é penoso escoitar conversas entre portugueses, españois, franceses e italianos nun inglés que só se comprende porque os que reciben a mensaxe non pensan á xermánica senón á latina, como os que a emiten. Nestes casos, xorde quen lles reñe por non usaren calquera das súas linguas, doadas de entender para os demais. Quen protesta só pide que cadaquén fale ao seu xeito e que os outros tenten comprender, sabendo que non é o mesmo pronunciar ben o alleo que entendelo cando se escoita. Ninguén suxire volver ao latín (e o romanés fica á marxe, polo distante).
Logo de tanta malleira co inglés, fala impronunciable e sen regras de ortografía, cumpría tentar unha alianza entre pobos latinos que conducise a aprender algunha das linguas dos outros, todas claras, ben fixadas: con dúas romances que se falen, logo calla a terceira.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 30/07/2010]

Share