Seleccións de I+D (A voo de tecla, 22/07/2010)

Bruxelas, praza de Luxemburgo. Barrís de cervexa, mostradores e vasos de plástico nas beirarrúas. O céspede do centro da praza, invadido. Bandeiras, “rojigualdas” e alemás. Camisetas de futbolista, caras pintadas. Berros, urros feroces; e despois trangallada ata o saír do sol: gañara “España” e perdera “Alemaña”, nada de seleccións de fútbol deses estados membros da Unión que alí, nesa praza, ten Parlamento.
O comentario de dous galegos non futboleiros xira sobre que Alemaña é un dos piares da economía, da ciencia e da técnica no mundo; e España, un dos membros apestados da Unión, un buraco negro da economía baseada no euro. Carece de empresas e organizacións dispostas a investiren en investigar e aplicar os coñecementos científicos á vida real…
A Coruña, praza da Cubela. Bandeiras españolas nas fiestras. Séntense os ruxidos do pobo que se congregou na praza próxima dos Catro Camiños. Algo acontece que leva a masa ao paroxismo. Estouran foguetes e despois vén unha algueirada tola, de bucinas de coches. “¡Viva España!” gritan cativiños, excepcionalmente soltos pola praza en noite de domingo: perdeu “Holanda”, “España” gañou o mundial.
Un veciño baixa á praza con bolsas de lixo. Atopa outro, eufórico, coa cara pintada de vermello e amarelo, que se asombra da frialdade con que o das bolsas camiña cara aos contedores de vidro e papel.
–A min –explica este– o que me importa son as seleccións de I+D. E as de Alemaña e Holanda sempre gañarán á de España. Iso é o que se sabe en Bruxelas.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 22/07/2010]

Share