Preguntas en Touriñán (A voo de tecla, 15/07/2010)

Touriñán marca Oeste mellor que Fisterra. Touriñán é inmensidade e rochedo. Pero ten algo máis: técnica, coñecemento. Non están sós o faro e as rochas. Xunto a eles vense xeradores eólicos e cubas de piscifactoría.
O fareiro conta como se iniciou tal obra máxima da enxeñería de sinais marítimos hai máis dun século: esa luz da fin do mundo naceu eléctrica. Construíronse depósitos de auga e carbón, unha máquina de vapor movía a magneto que aínda se conserva e dela subían os cabos ata a lámpada.
Desde entón o faro de Touriñán pasou por tantos avances da mecánica, a electrotecnia, a óptica, as telecomunicacións… que o visitante se pregunta que máis haberá noutros faros e que se podería recoller deles para presentar aos estudosos. As tecnoloxías pasan por ciclos, o antigo inspira novas ideas (velaí o “datagrama” de hoxe na Internet, saído da idea do esquecido telegrama).
Touriñán, cos seus xeradores eólicos enferruxados, tamén fai preguntarse polo futuro das enerxías de imposible regulación. Non só a eólica, senón a oceánica. E de novo aparece a cuestión do hidróxeno como “vector” de todas as enerxías, como regulador por almacenamento.
A carón do faro, a granxa mariña serve para recordar que xa a penas quedan rodaballos no mar. E logo haberá quen se pregunte se o futuro do peixe está en cultivalo soamente, coa enerxía que correntes de vento e mar poidan suplir a pé de factoría…
Estas e máis preguntas xorden á vista das praias de Trece, baleiras, tentadoras para bañistas filosofantes.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 15/07/2010]

Share