Soporífero Caim (A voo de tecla, 30/06/2010)

Dous premios Nobel de Literatura ibéricos mostran elementos vitais e produtivos semellantes.
Don Camilo de Madrid (Padrón foille anécdota) escribiu a penas un par de obras magníficas, loou o castelán e desprezou o galego; e casou de vellote con moza inclinada ao comercio. Son moitos os críticos que se preguntan de que xeito acadaría tan nobre galardón o madrileño, autor de escasa obra defendible; e como, xa senil, non tivo quen lle impedise publicar parvadas que o denigran.
Don José de Lisboa (a aldea ribatexana tampouco importa) tivo entrada gloriosa no mundo das Letras, adora o castelán e menospreza o galego. Tamén casou con moza negociante (e ignorante: “Es que los gallegos hablais portugués mal hablao”) e ten moito crítico a se preguntar como puido chegar tan lonxe mentres os seus textos decaían ata se converteren nunha mazada.
Erasmo de Roterdam deixa claro en “Eloxio da Loucura” que os vellos perden o sentidiño e acaban sendo coma nenos. Por iso é deber das familias (en concreto, das esposas beneficiarias) o reteren os anciáns como retiveran os fillos meniños. Daquela sorprende que a louzá andaluza lle permita a don José –canario honorario– dar ao prelo algo tan imbécil coma “Caim”. O texto enfurece os crentes en Deus e fai traballar crentes e ateos no intento de colocaren os signos convencionais da escrita levados polo demo; para, xa lexible a prosa, tiraren dela unha divagación sen xeito nin graza, soporífera: vacina recomendable contra as vaidades diabólicas do Nobel.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 30/06/2010]

Share

2 Comments

  1. Sigo com interesse através deste web os artigos, sempre interessantes, de X. Alcalá, mas acho que nesta ocasiom nom foi justo nem co Nobel português nem coa sua viúva. Saramago é um escritor de releváncia e interesse internacional, com contributos de alcance universal, enquanto que Cela nom ultrapassa o interesse local da medíocre literatura espanhola de pós-guerra, e dificilmente se ajusta Pilar del Rio ao retrato dumha “moça negociante”, embora poda ser pertinente a crítica doutros aspectos (como o seu menosprezo do galego ou talvez mesmo das suas variantes internacionais: o português).

  2. Ola, Outeiro: desculpa que nom che respondesse desde hai tempo, mais a minha vida de “andarilho” (assi me chamava o Rodrigues Lapa) nom dá para muito… Desculpa se mantenho que o Saramago só escrebeu tres -ou, como muito, catro- obras de transcendência. O resto foi cousa de cartinhos, e “Caim”, umha babosaria patética. Mantenho-o e manterei-no.
    Canto à louçá andaluza, também tenho cousas a dicir, que nom a escribir (salvo cando me chegar a hora da “navegação de cabotagem” ao estilo do grande mestre Jorge Amado (que nunca recibiu o Nobel).
    Apertas.

Comments are closed.