Coches eléctricos (A voo de tecla, 25/06/2010)

Durante días xúntase a crema dos responsables europeos da industria do transporte. Sorprende a facilidade con que o cóbado de calquera bate –por exemplo– no do director de I+D+i da Volkswagen. Nas conferencias, o coche eléctrico vai tomando forma de obxecto apaixonante; e apláudese a idea das “electrolineiras”, con capacidade para mudaren baterías en menos tempo do que se tarda en encher un depósito de combustible.
Ora ben, as contas saen dificilmente. Un fabricante mostra o seu coche eléctrico cortado á metade, e dá características: 1.500 quilos de peso total, dos cales 250 son de batería para unha autonomía de 150 quilómetros con 8 horas de recarga.
Fronte a ese modelo seccionado para mostra, hai un “concept car” eléctrico enteiro, do que só se dan propostas de características. Ao lado, un híbrido feito con elementos fabricados de serie. O seu gasto de gasóleo é baixísimo e a autonomía, boa: 800 quilómetros por depósito. Quen expón este proxecto comenta acedamente: “O noso é unha realidade e o exclusivamente eléctrico está a medio facer…”
Xorden logo as preguntas: ¿Estase investigando a fondo en baterías de baixo peso? ¿Deséñanse os modelos de maneira que cada un admita novas baterías, máis rendibles? ¿Fica o híbrido relegado no tempo de mudanza que vén?
Se cadra, fabricantes de automóbiles e compañías eléctricas saben responder. No entanto, gobernos coma o vasco apostan polo coche eléctrico como “sinal de identidade propio”: seica un novo becerro de ouro tecnolóxico.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 25/06/2010]

Share