Caixa+I+D+i (A voo de tecla, 18/05/2010)

Nova caixa, nova caixa, ¿e que nome lle darán? ¿Caixa Galega? ¿Caixa do Noroeste…?
Neva en Luxemburgo. Óese falar portugués de inmigrantes e luxemburgués minoritario, pero non minorizado. Unha man esperanzada sae da luva para o saúdo. A neve cega, vese pouco da riqueza do país mínimo. O centro de transferencia tecnolóxica impresiona polo vulto e, dentro, pola cantidade de xente que traballa nel e a importancia dos proxectos nos que fai confluír empresas e universidades.
A conversa corre en galego, interrompida en francés e inglés por chamadas telefónicas. En resumo: a xestión de proxectos de I+D+i é toda unha técnica que non se aprende sen prática. Por todos os países avanzados hai galegos dedicados á investigación, á invención, á innovación. Galicia avellenta e morre, perde os cerebros que formou. A súa salvación sería o retorno dos que foi perdendo.
O punto culminante da conversa é cando a persoa detectada en Luxemburgo pon condicións: de alí non marcha máis que para Galicia, con todo o seu coñecemento e sabendo que nunca poderá gañar en euros o que lle pagan os luxemburgueses de fala estraña.
Despois, a parola reláxase; ata que aparece a fusión das caixas. Daquela hai comparanzas coa fusión nuclear, a enerxía necesaria para provocar a reacción de inicio. E as caras viran serias: unha caixa galega ten unha obra social principal, a de xuntar sabedoría espallada polo mundo. “Caixa+I+D+i” sería bo lema para a nova, á que desde Luxemburgo se lle propón nome: “Caixa Esperanza”.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 18/05/2010]

Share