Ignorancia notarial

A profesión de escribán público sempre foi respectada. Os notarios comproban e dan fe da realidade que se manda rexistrar. A xente confía neles… ou non.

Hai semanas reuníase en Culleredo un grupo de persoas para escoitar unha disertación sobre os apelidos galegos. O profesor Freixeiro Mato foi contundente. Explicou polo qué en lingua galaico-portuguesa Freixo non é Freijo, xa que o étimo latino é fraxinum , con xis . Contou as peripecias familiares nun país enfermo de diglosia (seu pai viña sendo «Freijeiro de Freixeiro» e iso deu para comentar casos que aparecen nas mortuorias de La Voz: «Otero do Outeiro», «Montero de Monteiro», «Mosquera dos Mosqueira»… Aí interveu un dos asistentes á conferencia para denunciar cómo os notarios se lle negaban a escribir Mosqueira cando o seu apelido, por fortuna, se conservara así.

Daquela o profesor Freixeiro mostrou ao público unha documentación que debería avergoñar a toda a caste notarial. Era de compravenda de terreos nunha rúa Uxío Novoneira. Ao comezo dos papeis, redactados con procesador de textos, aparece como «calle Nueva Neira»; pero, como quen pide fe do acto protesta, máis adiante xa aparece a corrección «en realidad calle Eugenia Nuevo Neira». Por fin, a moito porfiar do paisano, que quere deixar a súa leira ben marcada, o notario cede e escribe «calle Nueva Neira, en realidad calle Uxío Novo Neira».

Sobran comentarios, salvo un: un notario galego (como mostran os seus apelidos) ¿non sabe quen foi o poeta do Courel? (La Voz de Galicia, 04/05/2010)

Share